i-rochiño

✏️ Que é Python?

Imos aprender un chisco de programación nesta linguaxe.

Creado por Guido Van Rossum, recibiu o nome pola afección de Guido aos humoristas Monty Python.

  • É unha linguaxe de alto nivel. A súa vantaxe é a portabilidade que ofrece: un programa en Python pode executarse en calquera máquina.
  • Está orientada a obxectos, como a maioría das linguaxes de programación modernas.
  • Permite escribir código noutras linguaxes e logo combinalo con programas en Python, desta maneira esa porción de código executarase máis rápido.
  • É unha das linguaxes máis simples e sinxelas de aprender.
  • É unha linguaxe interpretada.

O código en Python comeza como arquivos de texto plano cunha extensión .py. Cando executas un programa en Python, o primeiro paso é a análise sintáctica, é dicir, se metiches a pata no que tecleas. O intérprete de Python le o código fonte e comproba se hai erros de sintaxe. Se o código é válido, convértese nunha forma máis sinxela chamada bytecode.

O bytecode é un conxunto de instrucións de baixo nivel que o intérprete de Python pode executar máis rapidamente que o código fonte en bruto. Este bytecode envíase despois á Máquina Virtual de Python (PVM) para a súa execución. Esta PVM é parte do intérprete de Python e o que fai é ler as instrucións do bytecode unha por unha e realiza as operacións correspondentes.

   Volver a Python