i-rochiño

Tarefa 11 - Remexendo todo

Seguimos traballando no DOM que é a estrutura da páxina web. Agora traballaremos con .hml co que programamos en .js

Dise que JavaScript é unha linguaxe dirixida por eventos, e nós xa falamos dos eventos, lembrades aquelo de onclick, onmousever hai moitísimos máis.

🧺 Preparación

Precisamos unha carpeta á que imos chamar tarefa11_formulario que terá coma sempre un .html xunto cun .css e tamén un .js. Podemos facer o mesmo que na anterior tarefa: Tarefa 0: Crear infraestrutura

🖥 Código 1

Primeiro imos inserir un nadita de código JavaScript no mesmo .html para facer probas rápidas. No ficheiro index.html e deixando o .js en branco, tecleamos:

<body>
	<button onclick="alert('😀 Moi ben 😃');">Que tal?</button>
</body>

Fixádevos ben: estou metendo unha alerta no medio dunha etiqueta de HTML. A etiqueta é coa que creamos un botón. No .css podedes cambiarlle a pinta.

✏️ Cambios interesantes:

► que pasa se poñemos document.write en troques da alerta?

► modifica o código para que o evento non sexa onclick Escolle algún dos que indican aquí

🖥 Código 2

Volvemos ó noso .js e probamos todas estas liñas de código. Analizade ben como se vai liando a cousa: tres funcións: unha sen parámetros, outra con un e outra con dous. Chulísimo.

function presentar(){
	var resposta  = prompt("Como te chamas?");
	document.write("Sei que te chamas " + resposta)
}
function ducias2ovos(duc){
	alert( duc * 12);
} 

function sumita (a,b) {
	alert (a+b);
}

document.write('<button onclick="sumita(3,5);" >  Canto son 3+5 ?  </button>');
document.write('<button onclick="ducias2ovos(10);" >  cantos ovos son 10 ducias? </button>');
document.write('<button onclick="presentar();" >  Podo cotillear?  </button>');

Nestes casos as funcións teñen un nome rimbombante: manexadores de eventos

✏️ Cambios interesantes:

► cambia a función sumita por outra que concatene dúas cadeas de caracteres.

► modifica ducias2ovos por unha función que pase de quilómetros a metros.

Queda fatal que document.write(); invada a páxina!! Imos ver de solucionalo

🖥 Código 3 (Parte 1 en .html)

No ficheiro .html escribimos unha páxina web que teña varios input. Lembrades? pero engadíndolles un atributo id para nomealos:

<body>
	<h2> Todo un pouco: html, css, js </h2>
	<p> O teu nome: </p>  <input  id="nomecito">
	<p> O teu apelido: </p>  <input  id="apelidazo">
	<p>
	<button onclick="saudar()"> Enviar  </button>
	</p>
	<p id="parrafada">  </p>
</body>

ou sexa temos un titulazo, varios parágrafos, caixas de texto para que usuario teclee o seu nome e outro parágrafo de entrada non ten nada… polo de agora….

Admito que os nomes dos identificadores son un tanto chorra, pero asi queda claro o que fago con eles, penso eu.

🖥 Código 3 (Parte 2 en .js)

Agora o código que vai no ficheiro .js con funcións novas desas que veñen de fábrica. Mirade ben como colle javascript os valores que teclea o usuario no documento e mete nunha variable.

function saudar() {
	var nn = document.getElementById("nomecito").value;
	var ap = document.getElementById("apelidazo").value;

	document.getElementById("parrafada").innerHTML = "Benvido "+ ap + ", " + nn ;
	document.getElementById("parrafada").style.color =  "green";
}

✏️ Cambios interesantes:

► engade todo o necesario para que na páxina haxa que cubrir tamén a idade e que apareza na parrafada

► xoga con modificar todo o que se te ocurra do que iría no .css pero dende .js

   Volver a JavaScript